Portada » Historia » Glosario de Términos Clave: Revolución Rusa, Entreguerras y Fascismos
BOLXEVIQUES: Denominación adoptada en 1903 polos membros do sector máis radical do POSDR, liderados por Lenin, que rexeitaban a colaboración coa burguesía. Apostaban pola revolución socialista e a ditadura do proletariado sempre que se desen as «condicións obxectivas».
RÉPUBLICA SOCIALISTA FEDERATIVA SOVIÉTICA RUSA: Denominación oficial adoptada polo Estado soviético tras a aprobación da súa primeira Constitución polo V Congreso dos Soviets en xullo de 1918.
NEP: Siglas polas que se coñece a orientación económica do goberno soviético entre 1921, cando foi adoptada por Lenin, e 1928. Permitiu a actividade das pequenas empresas industriais e comerciais e estableceu un imposto en especie sobre a produción agraria. Posibilitou un rápido crecemento da produción, sobre todo agraria, pero provocou un aumento das desigualdades e un intenso debate no seo do Partido Comunista.
GOBERNO PROVISIONAL: Executivo que se fixo cargo do poder en Rusia tras a caída da autocracia en marzo de 1917. Apoiado pola Duma e formado por ministros liberais e socialistas moderados. Ata ser derrubado en outubro de 1917 tivo que compartir o poder cos soviets.
TRATADO DE BREST-LITOVSK: Acordo asinado polo goberno bolxevique coas potencias centrais en marzo de 1918 que puña fin á participación rusa na Primeira Guerra Mundial. Significou importantes perdas territoriais para a Rusia soviética.
COMUNISMO DE GUERRA: Política económica desenvolta polos bolxeviques durante a guerra civil (1918-1921). Implicou a completa estatalización da industria e os servizos e impuxo requisas obrigatorias dos excedentes campesiños. Afundiu a produción e xero fame e descontento.
MENXEVIQUES: Representantes dun dos sectores en que se dividiu o marxista Partido Obreiro Socialdemócrata Ruso en 1903. Reformistas partidarios de colaborar coa burguesía no desenvolvemento do capitalismo e da democracia antes da revolución socialista.
KOLJOSES: Granxas colectivas aparecidas na URSS a raíz do proceso de colectivización forzosa emprendida polo réxime estalinista dende 1928.
CONSELLO DE COMISARIOS: Denominación do goberno formado polos bolxeviques tras a revolución de outubro de 1917 baixo a presidencia de Lenín e contando co apoio dos soviets.
URSS: Siglas polas que é coñecida o Estado federal nacido en 1922 do acordo entre as diferentes repúblicas creadas co avance bolxevique durante a guerra civil seguindo o modelo ruso.
SOVIETS: En Rusia, comités locais formados por delegados de campesiños, obreiros e soldados. Apareceron durante revolución de 1905 para organizar as accións de protesta contra a autocracia e reapareceron, cun papel aínda maior, durante as revolucións de 1917.
PLAN QUINQUENAL: Documento a través do cal o Estado fixaba na URSS dende 1928 os obxectivos de produción das unidades de produción para un prazo de 5 anos.
KADETS: Denominación coa que se coñecía aos membros do Partido Constitucional Demócrata, a principal organización dos liberais rusos, que pretendía a instauración no país dunha monarquía constitucional consonte aos modelos occidentais.
EXÉRCITO VERMELLO: Denominación das forzas armadas que defenderon o goberno bolxevique durante a guerra civil rusa (1918-1921) baixo a dirección de L. Trotski. Sería logo o nome oficial do exército soviético.
NOMENKLATURA: Grupo social formado polos cadros dirixentes da administración estatal, os organismos económicos e o Partido Comunista nacido na URSS durante o réxime estalinista entre 1928 e 1953.
TESES DE ABRIL: Documento exposto por Lenin á volta a Rusia tras a revolución de febreiro de 1917, onde manifestaba a súa oposición a toda colaboración dos bolxeviques co Goberno Provisional. Os soviets debían asumir todo o poder e impulsar a revolución socIalista.
AUTOCRACIA: Réxime político característico da Imperio ruso ata 1917. Todo o poder concentrábase nas mans do tsar, os dereitos individuais non estaban garantidos e non existían institucións representativas dignas de tal nome.
EXÉRCITOS BRANCOS: Denominación das forzas que combateron contra os bolxeviques durante a guerra civil rusa (1918-1921). Contaron co apoio das potencias aliadas (Francia, Gran Bretaña, EEUU, Xapón).
SOVJOSES: Granxas de propiedade estatal creada na URSS a raíz da colectivización forzosa emprendida polo réxime estalinista a partir de 1928.
ESERITAS: Denominación dos membros do Partido Socialista Revolucionario, fundado en 1902.
SOCIALISTA: Representantes dun dos sectores da oposición política á autocracia tsarista en Rusia. Defendían o papel revolucionario do campesiñado e a importancia da comunidade rural. Dende 1902, a maioría deles organizouse no Partido Socialista Revolucionario.
PARTIDO COMUNISTA: denominación adoptada polo partido bolxeviques en marzo de 1918.
XOVES NEGRO: Nome co que se coñece o día 24 de outubro de 1924, data na que se produciu un afundimento das cotizacións bursatís en Wall Street, que daría comezo ao crac do 29.
ACORDOS DE LETRÁN: Concordato asinado en 1929 entre a Italia fascista e o Papado polo que este, a cambio de recoñecer o Estado italiano, conseguía unha posición privilexiada para a Igrexa católica.
FÜHRER: Apelativo asociado á figura de Hítler como líder do Partido e do Reich alemán.
FASCI ITALIANI DI COMBATTIMENTO: Organización fundada por Benito Mussolini en 1919, cun programa que recollía tanto as reivindicacións irredentistas como demandas de profundos cambios políticos e sociais.
SUPERPRODUCIÓN: Un dos problemas da economía norteamericana durante a etapa de prosperidade dos anos 1920. Afectaba fundamentalmente ao sector agrario e a algunhas actividades industriais. A oferta dos seus produtos excedía á demanda, coa conseguinte caída dos prezos.
LEI DE NÜRENBERG: Disposición imposta polo réxime nazi en 1935 que privaba aos xudeus da cidadanía alemá e prohibía o matrimonio e as relacións sexuais entre «arios» e xudeus.
NEW DEAL: Lema do programa electoral co que o candidato demócrata F.D. Roosevelt se presentou ás eleccións presidenciais norteamericanas de 1932. Traduciríase na acción gobernamental nun significativo aumento da intervención estatal na economía norteamericana. Prolongouse ata a Segunda Guerra Mundial.
DUCE: Apelativo referido a Mussolini como líder do Partido Nacional Fascista e do Estado italiano.
PUTSCH DA CERVEXERÍA: Intento fracasado de golpe de Estado contra a República de Weimar organizado polos nazis en 1923 en Múnic.
GRAN DEPRESIÓN: Nome co que se coñece habitualmente a crise económica xeral comezada en EEUU co crac bursátil de 1929 e que non sería superada ata a Segunda Guerra Mundial. Caracterizouse pola caída da produción, os intercambios e os prezos e polo aumento do paro.
MARCHA SOBRE A ROMA: Acción de forza organizada por Mussolini e os dirixentes fascistas en outubro de 1922. Acabaría provocando a caída do executivo liberal e posibilitando a designación de Mussolini como xefe de goberno.
NOITE DOS COITELOS LONGOS: Purga política organizada polo réxime nazi contra dirixentes do partido considerados pouco leais e algúns relevantes persoeiros conservadoras, que foron asasinados por orde directa de Hitler.
MEIN KAMPF: Título do libro redactado por Hitler durante a súa estadía na prisión de Landberg (1925) no que expoñía o seu ideario: antiliberalismo, antimarxismo, ultranacionalismo, racismo antisemita, expansionismo.
REPÚBLICA DE WEIMAR: Denominación coa que se coñece historicamente ao réxime democrático, republicano e federal vixente en Alemaña entre a fin da Gran Guerra e a chegada de Hitler ao poder (1919-1933). Estivo sometida a graves tensións e dificultades.
LEI DE PLENOS PODERES: Disposición aprobada polo parlamento alemán en 1933 facultando ao goberno hitleriano a lexislar por decreto sen ningún control. Significou a derrogación da Constitución de Weimar, a eliminación do sistema federal e a supresión dos dereitos individuais.
FRONTE ALEMÁ DO TRABALLO: Organización nazi creada en 1933, tras a prohibición dos sindicatos obreiros, que debería encadrar tanto a traballadores como a empresarios.
FASCISMOS: Movementos, ideoloxías e réximes políticos que se desenvolveron en Europa durante o período de entreguerras, caracterizados por unha base social interclasista e unha ideoloxía ultranacionalista, totalitaria, enxalzadora do liderado e da violencia.
OVRA Policía política creada polo réxime fascista italiano en 1927 para perseguir calquera actividade de oposición.
KRISTALLNACHT: Onda de agresións instigada polo réxime nazi e sufrida pola comunidade xudía alemá en 1938. Destruíronse sinagogas, institucións e empresas xudías; preto de 100 hebreos foron asasinados e uns 30.000 internados en cárceres e campos de concentración.
PARTIDO OBREIRO ALEMÁN: Grupúsculo ultranacionalista anticomunista e antisemita, contrario á República de Weimar e ao Tratado de Versalles, fundado en Múnic no ano 1919. A el sumaríase Adolf Hitler e del nacería o Partido Nazi en 1921.
AUTARQUÍA: Obxectivo declarado da política económica fascista en Italia, especialmente a partir de 1929. Pretendíase acadar a autosuficiencia económica e restrinxir ao mínimo os intercambios co exterior. Outros ditadores, como Hitler e Franco, tamén o perseguiron.